domingo, 6 de mayo de 2012
COMENDO CON MERKEL EN CASA SOLLA
Confeso diante de Deus todopoderoso, de Guindos e Montoro, Feijoo e Rajoy que pequei, pequei moito de obra, gula e satisfacción: comín en Casa Solla coma un larpeiro e gocei de cada prato coma se xa non quedasen máis praceres neste mundo. Aceptado: moi por riba das miñas posibilidades, gastando máis do que debo, sen colaborar en absoluto co aforro que se estende polo país coma unha orde implacable e tortuosa. Insolidario de min, xa sei que son culpable e manifesto o meu arrepentimento. Síntoo moito. Pido desculpas. Non volverá a ocorrer, por utilizar un real perdón. Pero xa confesado, deixen que lles conte como se desenvolveron os feitos. En principio non me sentín excesivamente culpable ao ver que a mesa reservada era a última e a peor situada no comedor. Digo con isto que o cheo era absoluto, co que se constata que non só eu me atrevo a contravir as ordes de aforro severo, parece que hai máis incautos, irresponsables e atrevidos que, aínda neste período de prohibicións, se permiten comer por riba das súas posibilidades. Ou non. Se cadra era eu o único en tal posición. O certo é que mentres me deleitaba co dado de Bloody Mery e as cremas varias de sabor exquisito, non percibín que me agatuñase por dentro ningunha culpa nin remordemento. Pasado ao primeiro prato, probado con moderación o viño e gozando do estilo claro e mínimo da decoración, tampouco me pareceu que a comida ía rematar no que acabou. Chegados á deliciosa robaliza, en embargo, xa notei os primeiros síntomas de lixeira culpa. Non, non é que me acompañase no dispendio a mandataria Merkel, pero dei en notar que me vixiaba e que a tiña a cada paso máis cerca do meu oído con cada groliño de viño que engulía. Arredei de min a súa presenza, pero continuaba impoñéndose coas súas luteranas teses: español gastador, lacazán, pouco esforzado, dado ás vacacións e a xubilarse antes tempo; mal europeo; amigo de endebedarse e non coñecedor das virtudes do aforro; preguiceiro confiado aos excesos... Todo parecía que mo ía espetando nos oídos nesa lingua fera e militar tan difícil de falar pero tan doada de entender: obedece, cala, traballa. Non lle quixen comentar nada á persoa que realmente me acompañaba para non estragar momento tan delicioso, porque o pescado do día aniñado nunha crema colorada e allada suavísimas tampouco desmerecían, pero a dirixente alemá non deixaba de se pasear por entre as mesas. Recortes, amigos do sur; rigor, países do Mediterráneo; axustarse ao mínimo, nacións desorganizadas. Por se as súas mensaxes repetitivas e monótonas non fosen dabondo, veume tamén á cabeza o que non había moito lle lera a Xosé L. Barreiro Rivas: que está namorado da Merkel. Matámola. Para que Barreiro perda o pudor e diga a catro columnas urbi et orbe que está rendido aos pés da mandataria alemá, a única que sabe onde vai, xa fai falla... Menos mal que o argumento co que xustificaba o seu amor confeso caeu ao día seguinte esnafrado por completo: disque a bolsa subira unha miga un día despois das declaracións firmes da xefa alemá no sentido de que o rigor é innegociable, mais, por desgraza, xa ven que outra vez, a pesar da firmeza no rumbo, as bolsas non queren elevar o voo. Nin o emprego. Nin as empresas. Nin os bancos. Nin nada. O certo é que, chegados a tal momento, aínda que pasei por un instante de desasosego no que estiven tentado a non probar o soufflé solicitado, decidín que non hai culpa nin Merkel que deteñan tal tentación, polo que me entreguei con paixón ao pracer de esmagar entre o padal e a lingua a suavidade tenra, morna e fría, de manxar tan especial. Ao remate, tan contente, paguei coma se fose un laborioso e rico alemán e prometín que volvería a Solla, a non ser, claro, que Merkel turre e se empeñe en namorar ao resto do país, coma xa ten namorados a Rajoy, Guindos, Montoro e, tamén, quen mo ía dicir, a Barreiro Rivas. Non me insistan: sei que eles argumentarían que a única maneira de tomar soufflé en Solla é aforrando, pero a min non me sae da cabeza a moi simple pregunta: podería Solla cociñar tan deliciosos menús se durante catro anos, por ser todos escrupulosos aforradores, o seu comedor quedase baleiro? Deixamos a resposta para a próxima comida.
Publicado en Diario de Pontevedra
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.