PODE un admirarse diante dunha personalidade que emana dignidade e autoridade? Quedan persoas que na execución do seu papel social merezan respecto pola súa honradez e actuación cabal? Pódese atopar aínda algún home ou muller de quen un se poida fiar, meter por el ou por ela a man no lume sen temor a saír queimado, sabendo que actuará en conciencia e non se rebaixará por un prato de lentellas coma un indigno e miserable chupatintas? Resiste algún posto de renome, algún cargo de categoría ás tentacións da corrupción máis groseira e pornográfica? Pode atopar algún exemplo a mocidade para aprender o que é a honorabilidade? Esta redundante batería de preguntas responde á confusión e sorpresa da que un non se dá reposto despois de comprobar como todo un presidente de CGPJ se ve enguedellado nun miserable (de ser verdade, esa si é miseria) e vergonzoso asunto.
Non presumamos de inocentes e hipócritas inxenuos. O poder e a ambición sempre tentaron aos homes de tódolos tempos e de toda condición. Non me escandalizarei falsamente coma o mediocre que, por falta de oportunidade, proxecta todo o seu rancor na palla que ve no ollo alleo. Certo que a moitos habería que velos con ocasión para saber da súa firmeza de principios. Pero coincidirán comigo que esborrexemos cara unha falta de vergonza preocupante. Non queda institución nin posto de relevancia no Estado no que non salten episodios de auténtica vergonza allea. Que alguén grazas ao seu esforzo, mérito e preparación acceda a un dos máis altos cargos do Estado debería impermeabilizalo cunha película de dignidade e honorabilidade a proba de unhas fins de semana en hotel de luxo con cena incluída. Rebaixarse a tal ruindade demostra a perda dos valores máis esenciais dunha sociedade.
Alguén ha de manter a dignidade. Alguén debe levar impreso no desempeño do seu cargo a categoría e venerabilidade que se mostra na limpeza máis escrupulosa e que lle esixe a conduta máis exemplar. Non porque existan cinco millóns de parados, porque padezamos un desasosego social que non parece coñecer fin, nin porque se estean reclamando a diario sacrificios ao conxunto dos cidadáns, debe un dos máis altos mandatarios do país ser vixiante e escrupuloso coa súa conduta. Esa pulcritude, elegancia, ese saber estar diante dos demais supónselle e esíxeselle a calquera en razón de tan alto cargo porque vai implícito na súa función. Vai sendo hora de que regrese a vergonza, hai demasiado cara lavada. Que determinados tropezos non se permitan baixo ningunha escusa, e, de producirse, que a dimisión ou cese recaian automaticamente sobre quen falle debería ser a norma. Chegou o momento de que os rapaces saiban que é iso da honorabilidade e que entendan que existen tentacións e baixezas ás que nunca compensa ceder, aínda que só sexa porque se lles caería a cara de vergonza.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.