INSTALADA a prima de risco permanentemente por riba dos 400 puntos, a bolsa a niveis mínimos que non se lembraban dende hai nove anos, o paro incrementándose coa tenacidade con que impertérrito se vén comportando dende o ano 2008 e sen perspectivas dunha miga de luz, todo conflúe para un cataclismo triste. Se a isto lle sumamos a caída estrepitosa de Bankia, o desprestixio ao que se conduciu ao Banco de España e á desconfianza tóxica por parte dos inversores, nada augura unha saída próxima deste pésimo soño no que nos instalou a dinámica interna, libre e sempre autorreguladora do mercado. E por se non abondase coas desgrazas, o prestixio internacional segue en perfecta caída libre, Arxentina e Bolivia compórtanse con chulería diante das nosas empresas, renacen os problemas en Xibraltar, en Bruxelas fannos tanto caso coma cando nos representaba o "incompetente" (Rajoy dixit) de Zapatero, e a confianza, solvencia e optimismo das que se deducía viría acompañada a maioritaria vitoria do PP, non aparecen nin en miniatura. Ningún partido apoia os recortes en educación e sanidade, os reitores das universidades séntense desprezados polo ministro do ramo e non acoden a unha reunión con el, da reforma laboral, que ía ser un bálsamo, xa ninguén se acorda, agora o que se leva é a necesidade da reforma dos bancos, e así unha longa lista de asuntos que en nada dan esperanza nin aos inversores, nin aos consumidores, nin aos traballadores. Chegados a este punto, todo indica que a situación é óptima para Rajoy, para o Rajoy catastrofista, duro e implacable da oposición. Imaxinan que dirían el e os seus asesores se continuasen na oposición? O malo é que agora toca gobernar, non bombardear sen misericordia a quen se bandea como boamente pode con esta tormenta.
Se algún espírito crítico existise, se algunha memoria gardasen os nosos gobernantes, analizar este momento, en lugar de encirralos para contraatacar aos contrincantes con herdanzas e outras escusas, debería animalos a entender que vivimos unha situación excepcional, que xa chega de partidismos e miradas curtas, que cómpre dunha vez ceder, xuntar forzas e perder de vista os réditos electorais. Creo que estes cinco meses foron tempo de sobra para lles facer entender a quen gobernan que os mercados non se casan con ninguén, que a confianza non cae de maneira máxica sobre os portadores dunha ideoloxía, que non abonda con dicir a verdade e que a desfeita e as súas consecuencias non andan con bromas. A que agardan os principais partidos do país para unificar criterios mínimos diante de Europa? Confirmado que non era só un problema electoral nin de incompetencia presidencial, parecen moitas horas de concentrar esforzos para trasladar a Europa as ideas que mellor e antes nos saquen desta.
Publicado en El Correo Gallego
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.