domingo, 6 de mayo de 2012

DE BAIXA POR AMOR


DON DRAPER, o elegante protagonista de Mad men, dende que casou de segundas coa radiante e irresistible Megan, prolonga a lúa de mel de maneira que repercute negativamente na efervescente oficina de publicidade. Nada peor que compartir amor con quen se debe compartir traballo. Moi romántico velos subir xuntos no ascensor e despedirse embobados cun bico apartando cada un para o seu despacho, pero á larga xa se sabe: a produtividade decae, a cabeza –sobre todo a de Don– non dá para atender a todo, e un dos socios non ten máis remedio que reprendelo porque leva demasiado tempo, aínda asistindo ao traballo, de baixa por amor. Acordeime vendo este capítulo, que, despois de máis de 30 anos, só en dúas ocasión presentei baixa médica, as dúas por amor, mellor, desamor, nada do que avergonzarse se, como sostén R. D. Precht, o amor é un sentimento desordenado.
Entre as múltiples ocorrencias coas que a diario nos ameazan para axustarnos ao aforro co que Berlín promete non se incomodar, sempre ha de aparecer algunha que afecte aos funcionarios. Entre a poboación espallouse tan ben o tópico de que esta caste é tan inútil como preguiceira que a ninguén, agás aos interesados, lle preocupa demasiado se a espremen ata quedar sen zume. Como algúns contan cun veciño que traballa na facenda e ve que á hora do café aproveita para mercar laranxas no Mercadona, xa parece conclusión lóxica que todos os funcionarios, dende a xustiza á educación, pasando por tráfico e acabando en sanidade, o único que fan ao longo do seu horario laboral é tomar café e realizar a compra da semana. Coma se, sabendo como sabemos, que algúns acordos empresariais (e políticos) se pechan en primeira instancia cunha opípara comida, seguida de copas e relax en casa de pendangas caras, xa puideramos concluír que os empresarios (e políticos) empregan gran parte das moitas horas que din traballar diariamente divertíndose en casas de meretrices. Pois ben, a última ameaza consiste en castigar con redución de salario a quen enferme. Disque para disuadir aos que enferman sen ganas, é dicir, con ganas de baixa laboral pero sen motivo de enfermidade. Non negarei que entre o colectivo puidera existir alguén que se acolla a algunha baixa por lacazán, se cadra os que caen en melancolía por amor (desamor) deberían estar incluídos nesta categoría absentista e merecen tal correctivo, non serei eu quen os desculpe, pero non creo que ese sexa o problema de malgasto no país. Asañarse cos funcionarios non creará emprego. Aínda que, admitámolo, algúns caeran ao longo da vida laboral nun vaído de baixa sentimental, non se xustifica que nin enfermar estea ao alcance dos funcionarios, e menos, claro, por amor, algo que só parece reservado para os Don Draper do momento.


Publicado en El Correo Gallego

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.