martes, 17 de julio de 2012

CHRISTIAN VOLVE ÁS ANDADAS


Polo mes de novembro do ano pasado escribín neste mesmo espazo un artigo no que me manifestaba exultante pola agradable sorpresa de ver a Christian evolucionar moi favorablemente na súa conduta escolar. Contáballes daquela a satisfacción que nos dera ao inicio do curso o cambio da súa conduta. De ser rebelde, vago, sucio, groseiro e provocador, pasara a curioso, educado, responsable e con ganas de aprender. Atopaba como explicación de tan agradable sorpresa a actitude dun magnifico profesional que lle tocara como titor, quen, con firmeza e constancia, lograra transformar a súa anterior necesidade de chamar a atención causando problemas por un intento de agradar, responsabilizarse e buscar o éxito. Lamento ter que recoñecer o que non desexabamos: todo foi un espellismo. O que en novembro prometía, a finais de abril comprobouse que acabara en declarado fracaso: o rapaz volveu ás andadas, e con máis ganas.
A cuarta tempada da serie The Wire dedícase e penetrar nunha escola onde conflúen os negros das esquinas de Baltimore. Un profesor universitario, coa axuda dun expolicía, consegue apoios administrativos para probar un plan pedagóxico cos alumnos que maior disturbio causan na clase. Retirados das aulas normais, atendidos por un equipo de expertos, seguindo un plan arredado do currículo habitual, traballan con estes adolescentes antes de nada un programa de socialización, habilidades sociais mínimas, recursos básicos indispensables para situarse nas portas de ser educados. O plan é moi discutible dende o inicio, sobre todo por separalos do grupo, aínda admitindo a vantaxe de favorecer aos outros alumnos que teñen dereito a un ambiente no que poidan aprender. Hai, sen embargo, unha idea expresada por un dos educadores nunha das sesións de autocrítica ás que se someten no medio do desalento, que reflicte moi ben a imposibilidade do sistema educativo con alumnos que, coma Christian, proceden dun medio no que as normas, as figuras de autoridade, os proxectos e as aspiracións quedan tan distantes do que se lles quere ensinar na escola. Finximos ensinarlles, pero eles saben onde está o seu lugar. Non son bobos. Saben que acabarán nas esquinas, é o que agardan de si mesmos, coñecen o seu mundo. Este finximento non funciona. Ao final, Christian e a maioría coma el, saben onde deben demostrar que son listos, por iso volven ás andadas.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.