HABÍA ANOS que tiña ganas de ir a unha representación no teatro romano de Mérida. Reservei un hotel que me pareceu cómodo e céntrico e aló me fun. Céntrico estaba e agochado tamén, tanto que o gps do coche volveuse tolo de remate e tiven que acabar preguntando aos viandantes coma sempre se fixo ao chegar a unha cidade descoñecida. Farto de dar voltas arredor do mesmo punto, aparquei na entrada do hotel. Na recepción, despois das solicitudes formais obrigadas, non me puideron consolar sobre a baixada de temperatura para a hora da representación: ía con dúas noites que continuaba por riba dos 30º coma se fose día. Pero tranquilizáronme: agora pode descansar a gusto, está nun hotel domótico.
Preparado polas indicacións da recepcionista, non me asustei ao entrar na habitación e acenderse luces, aire, abrirse persianas e soar músicas. Nun cadro minúsculo explicoume a maneira de controlar todo cun simple toque. Evidente: estaba diante da integración da tecnoloxía no deseño dunha casa intelixente. Acomodadas as maletas, entrei no baño para refrescar a cara. Premín o interruptor e unha luz suave espallouse polo espazo coma se estivera nunha nave espacial con louza remedando a de Roma. Non xulguei, o que me apetecía era lavar as mans. Difícil. O mando que debía regular a auga, un rectángulo de aluminio estreito e incontrolable, esixiume unha motricidade fina similar, supuxen, á que un aviador precisará para gobernar a súa nave. Tras varios intentos conseguín que brotase auga, escasa, sobre a louza pompeiana, pero fervendo. Ao fin, nunha posición oblicua e inestable, arrefriou un chisco a auga. Desconfiado mirei para a ducha. Nu debaixo dela (unha lámina plana de aluminio da que parecía ía saír auga en cascada colaboraba no deseño) busquei no fronte, por baixo e por riba ata que nun lateral, ben agochados, apareceron dous mandos cilíndricos, complexos e intelixentes. Por ensaio e erro logrei que saíse un fío fino e débil fervendo da cima da cascada que me escaldou coma un raio anémico de Xúpiter. Lanzadas as xaculatorias pertinentes fun home a pechar a billa. Pensei se intentalo outra vez, pero optei por descansar ata a hora do teatro. A obra estivo ben. O marco é incomparable. Era certo que a calor apertaba aínda á unha da mañá. De regreso ao hotel apeteceume unha ducha, pero ao entrar no baño e ver a prateada cascada, regresou o recordo do raio anémico ao meu lombo e preferín non tentar nin aos deuses nin ao demo.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
Lástima que como de baño romano se trata, las musas no acudieran en su ayuda, por eso de las artes y las ciencias, que de ambas se necesita cuando de domótica se habla.Muy divertido relato.
ResponderEliminar