lunes, 2 de julio de 2012

OCUPADOS EN PERDER O TEMPO


CANTAS reunión definitivas celebrou Europa nos últimos anos? Cando ía ser a xuntanza improrrogable na que se aclararía a salvación de Greza, agora de España e Italia? Dende cando levan os políticos mareando a perdiz, viaxando, ameazando, acordando, prometendo, enredando sen solucionar nada? A maraña de representantes, xefes de estado, comisionados, altos cargos e reviravoltas burocráticas cansan. Pérdese a confianza. Son tantas as xuntanzas transcendentais, os falsos acordos , os ultimatos fume, que non estraña o desafecto do que ata os máis ferventes defensores de Europa se van contaxiando. A estrutura decisiva da Unión é un auténtico cerello. Conseguir unha posición eficaz e común antóllase un milagre. Parece que somos conscientes de que non se pode seguir así un día máis, que de certo nesta se xoga o futuro, pero á volta da reunión definitiva reducida a fume de leña verde prorrógase a indefinición por meses e anos. Esta insoportable inoperancia pode acabar con Europa.
Fixo por marzo tres anos estiven uns días en Nova York. Dende aquela acórdome con frecuencia do vaticinio dun taxista arxelino. Pasara anos en Sevilla antes de conducir coma un foraxido polas rúas de Manhattan, e agora distraíase con verbo políglota explicando a situación económica do planeta a quen se atrevía a subir ao seu escacharrado Ford. En canto soubo da miña procedencia, sen medo a erro sentenciou: España morta, como Greza, Irlanda, Portugal. Todas mortas. Europa morta. Imposible Europa. A súa seguridade no oráculo probablemente estivese fundada nas conversas que oiría aos executivos que transportaba. Pero é un síntoma do que xa daquela se cocía a distancia sobre a solvencia de Europa. A interacción entre os intereses contrarios ao euro e a inoperancia das institucións europeas non será doado cuantificala (a non ser que llo encarguemos a empresas que traballan coas marxes de erro como as que avaliaron as necesidades dos bancos), pero esta imposibilidade de tomar decisións con unidade política aumenta a debilidade diante dos cucos inversores. Europa necesita urxentemente líderes que demostren que creen nela e marquen liñas de cohesión, firmeza e solidariedade. Do contrario, algunha vez quedaremos sen próxima reunión definitiva, cansarémonos de ver aos políticos ocupados en perder o tempo, e o que puido ser un grande soño, acabar en pesadelo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.