sábado, 7 de julio de 2012

RETIRANDO BANDEIRAS


PAULATINAMENTE irán desaparecendo as bandeiras e os balcóns mostrarán a súa habitual aparencia. Os símbolos, como a ilusión efémera, abandonarán a exhibición e as rúas perderán as colores da apoteose. É curiosa a forza dos símbolos. Esténdese e apodérase dun grupo coa enerxía das emocións máis incontrolables. Trasládase da fe dun neno que soña con ser Iniesta ao adulto que necesitaba unha escusa para a súa identidade reprimida; envolve as cadeiras dunha adolescente entusiasmada e sae ao vento dende dentro dun vehículo; permanece espetada no xardín diante da casa e reviste as paredes do bar onde se concentran os amigos para compartir a fazaña que lles permite esquecer a pena de colectividade castigada.
Pasada a euforia, permanecerán como recordo bandeiras aínda colgadas, talvez por esquecemento ou por resistencia a volver á realidade. Moitas gardaranse, o motivo da exhibición vive dunha fe renovable, exclusiva, excluínte. Parece que se está unha bandeira non debe estar outra. A efusión de identidade é pola negación, rexeite ou submisión da veciña. Por que nin unha bandeira galega pode convivir nesta explosión de alegría coa española? Non podían as bandeiras galega, vasca ou catalá apoiar a vitoria do país que as unifica? Non porque compiten, porque loitan por converterse nos amores únicos. Os que máis critican estas manifestacións de españolismo son os que ansían pola substitución, só cambiar de símbolo e todo adquiría outra explicación. A quen lle irrita esta superficial mostra de identidade colectiva, estaría na gloria se a bandeira fose outra. Hai a quen lle custa sumar identidades, hainos que prefiren reducir e concentrar a paixón nacional. O mal coñecido por españolismo convértese en excelencia só con cambiar de bandeira. A razón parece clara: non se pode amar dúas bandeiras á vez. Se queres unha, por forza haberás de ignorar ou desprezar a outra. Ou envexala. A peor enfermidade dos apóstolos do nacionalismo é que lles roe unha envexa rabiosa ao contemplar a euforia polo ondeo da que non é súa. Desexarían arrincar a exposta para colocar no seu lugar a del, a única, a verdadeira. Pero as bandeiras iranse retirando para deixar paso ás preocupacións diarias e á mellor das esperanzas, á que sería unha ledicia duradeira, de bandeira: confirmar que a tendencia iniciada hai tres meses co paro se mantén outros trece seguidos.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.