sábado, 28 de julio de 2012

O PEOR PRESIDENTE DA DEMOCRACIA

A primeiros de novembro do ano pasado, o profesor Luís Garicano, catedrático de estratexia e economía na London School of Economics, concedía unha entrevista a La Vanguardia na que explicaba con claridade cales deberían ser as medidas económicas máis inmediatas do futuro goberno en España. Soaba daquela Garicano como posible ministro de economía, pero nunca saberemos se de chegar a selo aplicaría as receitas ledamente lanzadas diante dun xornalista, porque o presidente que por maioría agora nos goberna non o chamou para tal cargo ou se cadra el non aceptou. O que si sabemos é que Mariano Rajoy non actuou tal e como el solicitaba. Garicano defendía sen miga de dúbida a necesidade ineludible de actuar coa celeridade dun cirúrxico que se atopa cun doente no quirófano ao que hai que operara xa. E xa quería dicir nas primeiras 24 horas de chegar ao poder. Tomaba como modelo estratéxico de actuación o do exprimeiro ministro holandés Wim Kok, quen defendía tomar as medidas necesarias inmediatamente aínda sabendo que ao día seguinte te agardaba unha folga xeral. Na situación na que se atopaba o país nas últimas eleccións, o papel clave do novo goberno consistiría en demostrar que non lle tremía o pulso para operar nas primeiras horas. A costa do que fose. Cumpría serrar en óso, demostrar á UE que se podían fiar de nós, aceptando o risco dunha contestación interior que logo podería ser moderada por un diálogo xa no novo contexto. Pero as actuación haberían tomarse nas primeiras 24 ou 48 horas. Esta capacidade de decisión inmediata centraríase en tres parcelas: nas reformas do sistema financeiro, na da contratación laboral e na do financiamento das administracións autonomías y locais. A macheta coa que se debería cortar polo san debería ir directa a estas tres áreas. Recomendaba tamén o economista que non chegou a ministro (de momento) que se axilizase a posibilidade de montar negocios (as inspeccións, se existisen, sempre despois de que o negocio estivese funcionando) e, sobre todo, unha vez acometidas as tres reformar das primeiras 48 horas, pór en marcha unha auténtica revolución educativa no país. Acabado o petróleo dos últimos anos en España (o ladrillo), había que admitir o gran erro: descender a prima salarial á educación durante os anos de bonanza, ao contrario que en toda a OCDE, co que carece de sentido estudar, se quen sabe máis non vai ganar máis. En síntese, estas viñan sendo as receitas que a 11 de novembro do 2011 prescribía o profesor en Londres ao goberno que saíse das eleccións. Rajoy saíu elixido con maioría máis que suficiente como para atreverse con esta estratexia. El mesmo, na oposición, daba a entender que ese era o seu plan: actuar canto antes, sen malgastar un mes máis, estábase perdendo un tempo precioso por non convocar eleccións e deixar o poder nas mans de quen sabía e contaba con coraxe para gobernar , que non era outra cousa que cortar polo san antes de caer no abismo. Teño o convencemento de que moitos votos dos que recibiu intentaron darlle esa lexitimidade: actúa, opera ao enfermo, corta e saberemos agardar durante o tempo que permaneza na Uci e convalecente. Tivo a oportunidade nas súas mans e non a aproveitou. Non sei se, como indicaban tódalas mentes económicas máis recoñecidas, eran as reformas financeiras, as do mercado laboral e as da administración autonómica e local as máis urxentes. Si parece evidente que, se de confianza se trataba, a estratexia da prontitude e contundencia eran imprescindibles. E aí Rajoy desaproveitou a súa oportunidade inicial. O seu discurso sobre a confianza fracasou con estrépito. Enredou sobre tódalas reformas que lle aconsellaban, incluso padeceu as consecuencias, pero sen a rapidez e contundencia que lle pedían. Tardou, chupou en exceso sen disparar a gol, usando o símil futbolístico, foi morno nas actuacións. Se, como agora manteñen tanto el como os seu ministros, non quedaba outra, todo estaba tan claro, a que agardou? Se, como non se farta de repetir, hai que actuar en contra do que lle apetece, do que se propoñía, a que vén evadirse con hipócritas sorpresas de última hora? Sabíamos todos, entre outras razóns porque el se encargou de nolo dicir durante os anos de oposición, que a situación era insostible e non resistía un mes máis. Había que actuar sen un segundo de espera. Por que non o fixo? Por que retardou os presupostos que tanto ansiaban coñecer en Europa? Por que lle quixo botar un pulso ás autoridades de Bruxelas mostrando autonomía e valentía respecto ao incumprimento do déficit? Por que se someteu tan torpemente ás necesidades electorais de Andalucía en contra do interese xeral? Falta por saber se realmente os camiños para solucionar os problemas van na dirección que propón o economista Garitano con que en principio parecía estar de acordo o actual presidente do goberno. Pero dando por boas estas receitas, parece claro que Rajoy fallou na estratexia, nos tempos e dose de aplicación. Porque a clave está en que se non se cre non se fía. E en nós non crían como ben veces nos repetiu, pero continúan sen crer. Por iso agora, tanto el coma os seus ministros, andan como sonámbulos diante do BCE e das autoridades europeas clamando no deserto: se fixemos todo canto nos mandastes, se cumprimos ao pé da letra todo o reclamado, como agora, mercados irracionais, duras e insensibles autoridades, non nos correspondes, continuades castigándonos, máis incluso que uns simples zapateiros... Aínda dentro da súa propia lóxica de solución – que falta por saber se leva a algures- cometeu un erro talvez irreparable. E por iso, con só oito meses de goberno, xa comeza a competir co seu desprezado Zapatero a ver quen dos dous será o peor presidente da democracia, cando parecía que nos tiñan convencidos de que polos séculos dos séculos sería o socialista quen ostentase tan vergonzoso título. Mira por onde, invento popular dos demos, a ver se vai agora recaer nun dos seus... En calquera caso, o título iría para León, que se as cousas se poñen mal, de Pontevedra non é ningún.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.