martes, 24 de julio de 2012

DOS VÁTERES TAMÉN SE VIVE


AGÁRRASE o país nestas horas baixas á táboa de salvación do turismo. Desorientados e perdidos en case todo, atopamos unha miga de esperanza na puxanza turística, aínda que en parte só sexa estacional. En Galicia tamén. Sen presumir de sol coma noutras comunidades, a nosa potencial oferta nada ten que envexar á mellor. Sen embargo, de utilidade sería recoñecelo, aínda pecamos de escasa calidade en moitos aspectos, algúns deles tan básicos que se converten en puros delatores do auténtico nivel dunha sociedade.
Coincido con Siqui Sánchez en que os váteres dun país son un indicio claro do seu nivel de civilización. Sen ter recorrido o mundo fotografando váteres como fixo o catalán, do que teño visto tamén tirei a conclusión de que a maneira de presentar os baños di moito do nivel dun pobo. Non me atrevo a poñer o de algúns restaurantes galegos ao nivel dos de china, pero moitos de establecementos públicos en Galicia son impresentables. Estamos matando a galiña dos ovos de ouro. Agarrándonos ao tópico de que contamos con produtos naturais de primeira e de que os nosos peixes e mariscos non resisten comparación, ofrecemos aínda unha imaxe pobre e atrasada. Pode resultar moi enxebre e idílica unha comida á beira do mar a pesar de que as mesas sexan de plástico e estean sucias, os panos de papel ruín substitúan a uns de tela como é debido, e o camareiro, sen miga de profesionalidade nin educación, che guinde o polbo á feira diante dos narices, suado e de mal humor. Transixes, se cadra, porque a tarde é fermosa, a vista ao lonxe non se paga con euros e o pobo mariñeiro conserva o sabor do auténtico por mais que viñera a menos coas desfeitas urbanísticas que rodean o porto. Pero o que xa rompe todo nivel de comprensión é cando tes que ir ao baño para lavar as mans ou para calquera outro uso e te atopas con cubículos inmundos, sucios, sen a máis mínima hixiene, sen ventilación, cunha porta de corte dos porcos que nin pecha... e á beira da cociña. E para rematala, cando regresas co ánimo torcido despois de tan desagradable experiencia, ao solicitar a conta, mal presentada a lapis, sen claridade nin especificación, ves que a comida sae a corenta euros por persoa. Isto é claramente pan para un día. Un país que pretenda ofrecer calidade turística non pode descoidar aspectos tan básicos. As autoridades deberían actuar con decisión.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.