Disque o goberno está disposto a pisar o acelerador. Exacto. Iso mesmo viña pensando eu. Chegou a hora de pisar a fondo o acelerador, de non andar con auga morna e darlle gas a isto antes de que afunda. Gas e sen medo. O primeiro golpe de acelerador debería recaer sobre o Senado. Gas e fóra. Con valentía. Suprimilo cun xesto de audacia que demostre a Europa que non se anda de broma. Aforramos sen contemplacións. Unha institución amortizada, un cemiterio de vellas glorias que eliminamos e, aparte un gasto inferior, un cerello menos no que nos enredar. Un país que debe botar man de tanto sacrificio, que día si e outro tamén insiste en que se debe cobrar menos, pagar medicamentos, reducir gastos en educación e sanidade, por un mínimo de decoro non pode permitirse esa xubilación de luxo para políticos acabados. Non nos enganemos máis, iso é o Senado: unha xubilación de luxo para políticos aos que hai que retirar da circulación. Suprimámolo. Dun golpe. Si, xa sei que non se aforraría demasiado, que é chocolate do loro. Pero desfagámonos del. Na situación de urxencia e imperiosa necesidade – fíxense, os xubilados deben pagar parte das súas medicinas-, por vergonza, non podemos permitirnos esa duplicidade inútil. Segundo paso: as deputacións. Si, coñecemos o argumentos: levan a cabo unha función esencial axudando a concellos que non poderían sobrevivir se non fose pola axuda de institución tan eficiente. Palabras. Sobran organismos para realizar tal cometido. Fóra. Aceleremos, que vivimos tempos excepcionais. Reconvertamos con axilidade esa antiga maquinaria administrativa. É un gasto que tampouco nos podemos permitir. Terceiro: concentración de concellos. Estudos sobran que demostran que non é operativo un concello de menos dun determinado número de habitantes. Que non trema o pulso. Non necesitamos medidas drásticas, contundentes, dolorosas? Non estamos dispostos, por ben do país, para resistir, ser viables, a pedir sacrificios a obreiros, xubilados, funcionarios, mozos e profesionais? A nación entenderá perfectamente que se realice unha concentración de servizos con criterio e determinación. Aí é onde se ven os políticos. Aí é onde actúan os estadistas. Elixindo opcións definitivas e rendibles a longo prazo. Non din as cantigas de cego do momento que estamos na hora do sacrificio, dos recortes, das privacións para que no futuro se vexan os froitos? Aceleren, señores gobernantes, aceleren. Supriman Senado, deputacións e concellos, verán como tamén así se aforra. Xa, xa sabemos que todo isto son cantidades mínimas, que onde realmente se aforra é baixando os salarios dos funcionarios, recortando en educación e sanidade e establecendo o un pago por receitas. Pero aínda así, supriman, recorten por esa vía, aínda que só sexa por pudor. Pero poden acelerar máis. Non crean. Podo suxerirlles unha nova estrada para acelerar: persigan a defraudadores. Non permitan que as arcas do Estado estean sostida case unicamente cos impostos das rendas medias e baixas que son as que non escapan ao fisco deste país. Dediquen medios e esforzos para que ninguén se permita eludir as súas obrigas fiscais. Incrementaron os seus ingresos con esa amnistía para os defraudadores? Ansío coñecer os datos que deberían proporcionarnos con dilixencia para saber se regresaron a goxos os cartos traidores agochados en caixas de bancos interiores e paraísos exteriores. Realmente contaban con reanimar ingresos perdoando aos que infrinxen a lei? Eses países que ás veces se utilizan como exemplo por racionais, aforradores, sobrios, ordenados e rigorosos, se por algo se caracterizan é por aplicar idéntico rigor ao cumprimento cos impostos públicos, que, por certo, son moito máis elevados que os nosos. A política de impostos deste país necesita un acelerar a fondo para equilibrar esforzos e esixir proporcionalmente. Acabar sempre nos impostos indirectos, que castigan por igual, virá moi recomendado dende expertos internacionais, pero á vista está que non acaban de incrementar os ingresos nin favorecer o consumo. Aceleremos na persecución do fraude e na creación de novos e progresivos impostos directos. E pisen o acelerador en Europa. Cada vez son máis os especialistas que insisten no momento crítico polo que pasa o proxecto europeo. Ata o punto de que non parece posible a súa continuidade se España e Italia non se desen acomodado dentro del. A que agardan os dous países para unificar a súa estratexia e negociar en conxunto? Talvez Francia poida colaborar, pero dada a situación dous dous países, serían España e Italia os encargados de crear un fronte ben definido para salvarse os dous dentro de Europa. O eixo Roma-Madrid, pasando por París, debería facerlle ver ao resto dos socios que fóra do euro, agora, vai moito frío. Un frío irresistible, por máis que finlandeses ou holandeses estean afeitos ao frío e consideren que non precisan do sol do sur. Necesítannos, somos imprescindibles, Europa non é posible sen España e Italia, iso debería converternos en fortes nas negociacións urxentes. Que pisen o acelerador. A fondo. Por min, se pisan nesta dirección, que preman sen freo. O malo, témome, é que abrirán a todo gas na dirección na que xa corriamos, na coñecida e padecida, na manida e sobada que consiste en espremer aínda máis aos que xa non teñen nada que espremer. E así, por máis que aceleren, o único que demostran, en contra do que cren, non é valentía senón pura debilidade e, se cadra, como dixo Krugman, un estilo de condución propio dos estúpidos e malvados.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.