sábado, 7 de julio de 2012

O CAPITÁN E O REI

Sodes un motivo de orgullo e satisfacción para toda España, Iker. Dá gusto ver tanta xente satisfeita por causa da vosa fazaña. Grazas, maxestade, respondeulle o capitán coa seguranza de quen se sabe nestes momentos case á súa altura. Fixéstelo moi ben, rapaces, sodes estupendos; todos estivestes a un moi elevado nivel. Repito: sodes un motivo de profundo orgullo e emoción para o país. Non só pola vosa capacidade individual, senón tamén pola compenetración e idea de colectividade que mostrastes. Moitas grazas, maxestade, riu o capitán mentres o monarca, amigable, lle daba unhas palmadas no lombo. Logo viñeron as fotos, as risas, a camaradería, a euforia estendida. Todo diante das cámaras, á vista do mundo, para que se saiba a perfecta comuñón entre realeza e campións. Pero cando xa todo remataba, nun instante do que ninguén se decatou, o rei colleu polo brazo ao capitán, levouno a un aparte e insistiu: o meu máis cordial parabén, capitán, non me canso de felicitarvos porque non sabes o ben que lle sentou esta merecida vitoria ao país. A todos. Facíanos falta coma auga de maio. Ti sabes que ata o mesmo monarca pasou por momentos de apuro, non é agora momento de falar de elefantes, pero xa ves o axiña que me repuxen e me recuperei do accidente. Do accidente de confianza, digo, do outro cústame máis, pero iso son cousas da idade, xa irás comprobando a medida que deixes de facer deporte, campión, que es un campión, o mal que responden os xeonllos ao paso do tempo. O capitán, raposo, ri e deixase querer polas mostras de intima confianza que lle demostra o mandatario. E dime: como están o resto dos teus compañeiros, Iker? Moi ben, maxestade, todos moi felices de conseguir tanta ledicia para o país. Alédame, alédame moito, o rei senta, a perna castígao, e invita a que o capitán faga o mesmo. Realmente a situación non é nada boa, Iker, non fai falla que cho explique. Esa cantidade de mozos no paro, as tormentas financeiras que non nos dan respiro, a desconexión entre os órganos de poder europeos... O capitán mostra atención asentido e comezando a fregar a mans, non entende a que vén tanto achegamento real a un simple porteiro de fútbol, por campión e xenial que sexa. Preguntábache o dos compañeiros, continúa explicándose o Xefe do Estado, porque talvez o momento é idóneo para que prolonguedes esta ledicia dunha maneira máis estable e consistente. Hai ledicias efémeras, de baixa duración. Igual que enfados. O pobo reacciona de maneira emotiva con potencia pero sen resistencia. Cansa. Decae no odio e na felicidade. Sí, maxestade, o capitán comeza a sospeitar de tanta lección de socioloxía. Conviña lograr un estado de ánimo máis permanente na esperanza, insiste o monarca, e para iso a vosa axuda podería ser fundamental. O porteiro non sabe por onde lle vai chegar o disparo, pero comprende que está a soas diante dun dianteiro decidido a golpear con forza para meter a bola por onde menos espera. Prepárase. Aguza os reflexos ao máximo, ténsase coma se diante de si estivera Ronaldo o Pirlo, ou peor, Ribery coa súa faciana de asaltar nas últimas horas dous barcos cargados de tesouros. Remóvese na cadeira, non perde o riso, sabe controlarse, pero disponse a escoitar dun momento a outro a petición que estará á altura do máis transcendental dos penaltis. Agranda o sorriso para animar ao rei a que dispare dunha vez e o rei dispara: non pensaches en comentarlle ao resto do equipo a conveniencia de realizar un acto simbólico de alta repercusión? O adestrador non vos comentou nada? E que hai momentos na historia nos que determinadas actuacións, máis aló do feito en si, adquiren un significado de grande transcendencia e poder reconstituínte da moral colectiva. O rei mesmo, continúa a falar de si en terceira persoa para se introducir no espazo de autoridade incuestionable, tivo que realizar esforzos supremos para animar ao pobo. Non vou enumerar agora as viaxes que en penosas circunstancias me vin obrigado a realizar case en período de convalecencia, pero hai momentos nos que se un debe ir con muletas a Brasil, México, Arabia ou a Botswana, vaise. Ri coma choscándolle un ollo ao capitán para volver á camaradería. Quero dicir con todo, capitán, que talvez deberías falar cos compañeiros, eu tamén faría o propio co adestrador, para ver a forma de anunciar un xesto espectacular. Que a poboación entenda que aínda sodes capaces de máis. Aportar, por exemplo, as primas para actividades aceptadas por unanimidade como actos de xenerosidade sen tacha, dar para prevención de incendios, para os danos do terremoto en Lorca, para a mellora da atención ás mulleres maltratadas... Algo que alongue estes días de gozo, capitán. Entendo, maxestade, responde sen perder o sorriso Iker, pero procurando non dar nin media palabra. Calquera acción nesa liña resultaría dunha eficacia incalculable para elevar o ánimo. Estou seguro, señor, traga saliva o capitán. O rei dá por rematada a suxestión, érguese para despedir ao esvelto deportista. Este, tan só deixar as dependencias reais, conecta de inmediato coa súa moza para comentarlle o sucedido. Dar as primas para que?, pregúntalle a moza de ollos verdes. Para algunha necesidade de aceptación xeral e ben vista socialmente. Iker, por favor, que iso quen o querían facer eran os italianos, e eles perderon, son perdedores. Xa decidiches a onde imos de vacacións? Aínda non, pero tes razón, contestou aliviado o capitán, tes toda a razón, iso era cousa dos que non ganan, un xesto así veríase como pura demagoxia. Dareime por non enteirado, ou por soñado, para min que o rei nunca tal pensou nin mo solicitou. Grazas, Sara.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.