lunes, 1 de julio de 2013

6,5 PARA TODOS


A IGUALDADE perséguese desde a base cun ensino público excelente. Desde que o neno entra no sistema escolar, este, se pretende ser igualitario, haberá de lle proporcionar atencións que anulen aquelas desvantaxes que por procedencia social, dificultades de aprendizaxe ou situacións específicas efémeras lle causen atraso ou dificultades para progresar como é debido. Un sistema público ben dotado, cun profesorado altamente cualificado, rigoroso e ben valorado socialmente, cunhas leis estables, tenderá por forza a ir procurando que todos segundo as súas capacidades, con independencia das súas posibilidades económicas, alcancen os obxectivos máximos. A igualdade gánase desde a atención esmerada aos niveis básicos, deféndese nun ensino medio ben programado, cunha formación profesional prestixiosa e ben conectada co mundo do traballo e seleccionando aos mellores, aos máis brillantes e esforzados para a vida universitaria.
Non funciona ben unha sociedade cando todos aspiran -non por capricho, senón porque a realidade así o confirma- a realizar estudos superiores porque, con ser triste o futuro, é o menos malo. Á universidade deben acceder os mellores, pero os mellores seleccionados en igualdade, non por caste ou nivel económico. Nun bo sistema educativo público debería darse por suposto que quen accede a eses estudos é porque, tanto por capacidades como por esforzo, está en disposición de enfrontarse á súa esixencia. O que o Estado debe garantir é que ningún estudante deixe de realizar os estudos por dificultades económicas. Non é, entón, a intelixencia ou o esforzo a variable principal na concesión dunha bolsa, senón a declaración da renda. Non son as bolsas un premio aos estudantes pobres que son listos e sacrificados. Son a garantía de que calquera que chega á universidade, superados os controis que o sistema establece, poderá estudar en idénticas condicións que calquera sen que a súa pobreza llo impida.
Outro debate é se a universidade debe ser máis esixente, se o Estado debe custear en tan alta porcentaxe os estudos universitarios para todos ou se convén suprimir convocatorias nas que se poden eternizar alumnos indolentes. Se do que se fala é de conceder bolsas, o factor de maior peso buscarase nun nivel de renda que se considere límite. A partir de aí, rigor, esixencia, control e requisito de excelencia por igual, é dicir: 6,5 para todos.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.