lunes, 22 de julio de 2013

I+D+i EN FESTA RACHADA

Pinchada a burbulla inmobiliaria, parece que o propósito final do país é continuar investido no I+D+i da festa rachada. Gústanos ser pioneiros e demostrarlle a Europa que non nos van amedrentar por máis que nos marquen. Por pouco que nos visiten ou estean atentos, os nosos veciños non poderán ignorar como nos divertimos, emborrachamos e corremos coma auténticos becerros diante de animais heroicos. Somos moi divertidos, especiais, ofrecemos condicións para a esmorga desatada coma en ningunha outra parte do mundo. Non só a nosa marca de España a exportamos con valentía senón que tamén ofrecemos tódalas posibilidades para que os visitantes experimenten e leven un recordo inesquecible pintando a mona como só se pode pintar en España. San Fermín dá o chupinazo do arrinque. Un estoupido que vén promocionado a festa ao mundo cun efecto chamada poderoso sobre todo na xuventude dos EEUU, pois algúns oíron falar de Hemingway e desexan superar o rito de iniciación demostrando que pasaron sete días borrachos e correron diante dun touro. Navarra, Pamplona cidade sen lei, é o exemplo desta desnortada e hipócrita sociedade. Unha comunidade entalada entre o Opus e os revolucionarios que pretenden formar parte do novo pobo prometido dos vascos e das vascas, unha universidade de marcada ideoloxía relixiosa conservadora e un sector de servizos apegado a unha tradición anacrónica que lle reporta beneficios inmediatos elevados, non mostra inconveniente nin remorsos por transformar a bela cidade nun vertedoiro no que vomitan os máis inconscientes e desinhibidos festeiros do planeta. Unha cidade abandonada ao desenfreo e á carallada de mal gusto só polo beneficio a curto prazo e polo apego á tradición que demostra que non hai progreso nin cultura que poida con ela. E aí teñen os servizos médicos, de seguridade e de limpeza ao servizo da estupidez, porque disque iso é cultura, tradición, negocio, en definitiva: investigación, desenvolvemento e innovación. Talvez por iso a televisión pública (non sei se este ano tamén a radio, outros anos sei que si porque eu mesmo aguantei con sumo pasmo a retransmisión radiofónica dun encerro, cousa case tan idiota coma mirar embobados os coches de F1 dar voltas arredor dunha pista mirando unha pantalla) se encarga de realizar unha retransmisión en directo de acontecemento tan transcendental. E todos os diarios informan puntualmente en primeira do resultado de tan emocionante, perigosa e festiva carreira. Así se promociona a cultura. Que non nos falte este alimento. Propoño ao consello de dirección do ente que a partires de agora, para non crear discriminación con outros territorios do país, se retransmita tamén en directo e con idéntica publicidade toda canta festa nos agarda para o o resto do verán. Que nos metan nas casas a loita homérica esa na que homes e mulleres se enzoufan de tomates nunha pelexa divertida a máis non poder, tomate vai, tomate vén, para ir aprendendo as esencias da vida. E como alancean a touros noutras vilas, ou como lle poñen a arder os cornos noutros lugares, ou como matan e esfolan a animais como miolo cultural da festa de pobos con tanta tradición como memoria nesta España que sabe gozar coma país ningún. Este ano, por causa dun tapón a piques de causar unha desgraza monumental e porque se viron ás claras as consecuencias da borracheira sobre o corpo dunha muller, saíron algunhas voces críticas intentando axustar o descontrol, pero non teman: as forzas vivas da cidade, políticos de tódalas cores, xerarcas relixiosos e poderes económicos reconducirán axiña o problema con luva de seda e todo quedará para que o ano próximo asistamos de novo ás mellores festas do mundo para orgullo dos nativos, promoción da marca España e reclamo de turistas aos que tanto queremos e tanto lles debemos. San Fermín é o inicio. O emblema. Pero a continuación, cada curruncho, cada cidade ou pobo minúsculo intentará emular dentro das súas posibilidades este exemplo de constancia e superación no descontrol, na masificación do balbordo e na exaltación do lixo que vive en cada sociedade. Estean atentos e verán como proliferan todo tipo de manifestacións idiotas disfrazadas de acontecemento cultural, porque disque isto é o noso modo de vivir, de que nos envexen, de que creemos riqueza e emprego e de que superemos as crises, unha detrás doutra, con modelos atrevidos e fiables que redundan na riqueza material e espiritual do país. Outros, como son ricos e máis cultos, invisten en ciencia e tecnoloxía. Nós, como somos moi divertidos e simpáticos, dedicamos o noso I+D+i á festa rachada. Claro que todo o ata aquí escrito quedará automaticamente anulado polos amantes deste modelo de progreso atacándome con que probablemente son un aburrido impenitente. E se cadra teñen razón.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.