PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
lunes, 1 de julio de 2013
OS OLLOS DO MONSTRO
Malo caer nas garras de analistas de monstros. A propósito do caso que nestes días se xulga nos tribunais, o referido á acusación sobre un pai como culpable de facer desaparecer de maneira espantosa e case incrible aos seus dous fillos pequechos, a restra de especialistas que se apuntan de maneira frívola a opinar nos medios, especialmente na televisión, fai tremer. Psicólogos, criminalistas, forenses, seguidores de sucesos macabros, atrevidos todos, analizan, sentencian e conclúen cunha lixeireza que non tranquiliza. E todos, paréceme, sen moito fundamento nin datos para a análise, agás o prexuízo de partir da convicción de que se alguén fixo o que se trata de xulgar, por necesidade haberá de concordar cunha personalidade e características que se presume lle son propias. Deixando a un lado as complicacións que se derivan de xuízos paralelos nos medios con tanta e indiscutible repercusión, tanto sobre os profesionais da xustiza coma sobre os membros do xurado, parece evidente que hai casos sobre os que a opinión pública parte dun xuízo previo case sempre ben adobiado polas opinións desta lexión de analistas que se prestan a pontificar en tódalas cadeas cunha seguridade e convicción que as ciencias ás que din acollerse non lles deberían permitir. Todos somos lixeiros coas primeiras impresións que nos facemos dun personaxe público e deixámonos levar polo inmediato xuízo de ver no rostro, no vestir, no porte, en frase illadas e fóra de contexto unha actitude ou conduta que se axusta aos nosos esquemas mentais. Pero se afirmar con certa alegría que Bárcenas, Correa ou “El Bigotes”, chulos os tres, dan a imaxe de no ser precisamente cidadáns con dedicación exclusiva a servir nos comedores de Cáritas, non é idéntico a extraer conclusións de dubidoso fundamento científico sobre o carácter, actitude, conduta ou xestos dun cidadán ao que se está xulgando dun crime horrendo. Cantos dos especialistas en linguaxe non verbal coincidirían en extraer conclusións sobre a mirada do acusado Bretón se non se partise da previa repugnancia por sospeitar o que se sospeita? Noutro contexto, sen coñecer nada da historia, presentados os retallos de tres miradas, catro frases ou dous movementos desa persoa atreveríanse a sacar idéntica restra de características da personalidade e mesmo do seu temperamento? Se someteramos á visión dos escasos datos obxectivos a varios especialistas neutros, completamente ignorantes da acusación que pesa sobre este home, atreveríanse a ditar tantas e tan claras conclusións sobre a súa conduta? Invítoos a unha hipótese. Seleccionen as imaxes que queiran do acusado, metan nun cuarto a catro expertos da conduta completamente limpos de información previa sobre o suxeito e cóntenlles a seguinte historia. O home que teñen diante, despois de axudar ao seu país en misións de emerxencia, a última no terremoto de Lorca, no que manifestou unha conduta tan valente coma xenerosa, sofre a desgraza de perder aos seus fillos nunha riada recente que llos arrapañou diante dos seus ollos. Velaí o teñen despois do acontecido. Que ven na súa mirada, no seu andar, nas súas palabras? Pensan que un só deles afirmaría coa rotundidade coa que se está facendo nestes días que é un ser que demostra unha mirada fría, calculadora, malvada sen dúbida? Atreveríase algún a deducir que detrás desa actitude corporal se agocha o cálculo e a malicia dun manipulador enfermizo, a friaxe dun ser que mide cada unha das súas accións con intención de lle sacar tallada a longo prazo? Máis se inclinarían, coincidirán comigo, por ver ansiedade, desolación, culpa que o inhibe, bloqueo despois da traxedia, temor difuso, lixeira perda do sentido da realidade, dor tan insoportable que é incapaz de reaccionar como reaccionaría alguén que non pasase por momento tan dramático. Debemos por isto anular toda obxectividade e carencia de valor nas apreciacións sobre a conduta? Non tal. Pasar dun extremo ao outro entraría no mesmo grao de lixeireza. Simplemente se trata de alertar do perigoso que pode resultar entrar na efervescencia dos prexuízos para revestilos de aparentes probas científicas. Fraco favor lle fan ás ciencias da conduta os que a esta análises se prestan. A conduta, os sentimentos e emocións dos humanos, sobre todo se tratamos de averiguar se son uns repugnantes criminais, esixen un tempo de estudo, respecto, meticulosidade e discreción que non me parece que se lle estea a dar a este caso, como xa anteriormente non se lle dera a outros de semellante repugnancia polo inexplicable e doloroso da súa execución. Facer xustiza esixe unha prudencia exquisita, unhas formas rigorosas, uns procesos escrupulosos. Axudar a formar xuízos paralelos fundándose en miradas extraviadas ou xestos alegremente elevados a demostración de maldade pode non ser máis que un feble divertimento causado por lixeiros analistas que axiña lle ven os ollos ao monstro. Non se di noutras ocasións que o verdadeiro malvado é o veciño normal sobre o que ninguén sospeita nada e saudamos cada mañá no ascensor coma un cidadán correcto e amable?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.