lunes, 15 de julio de 2013

COQUETEO POLO MÓBIL


SENTEI nun banco, á sombra, para me protexer de tanta calor. Aínda así non me distraería do sufoco se non fose porque apareceu ela co seu andar intermitente, máis parada que andando, indiferente a todo canto ocorría ao redor. Nova, esvelta, cun corpo e andar que denotan seguridade, despreza a calor concentrándose no móbil sobre o que escribe a unha velocidade que só os novos saben imprimir no teclado dos smartpfhones. Lentamente foise achegando a onde eu permanecía atento e parou nunha posición que a ela lle permitiría aguantar así aínda ben tempo e a min observala de cerca. De vez en cando levaba unha man para retirar o cabelo de diante os ollos e devolvela de contado ao teclado sobre o que voaban os dedos.
Resultaba innegable que a conversación que mantiña non era intranscendente nin cun adulto. Pola maneira de agardar a contestación, de abrir os ollos e xesticular a cada resposta que recibía, supuxen que estaría enredando cun rapaz da súa idade, con alguén co que coqueteaba á sedución ou co mozo oficial en etapa de namoramento. Atopei máis datos para a miña hipótese cando vin que nos últimos cruces de diálogo, ela paraba, pensaba, deixaba ao aire un sorriso pillabán mentres decidía a próxima frase e, lograda, pillada na súa esencia, se lanzaba de novo sobre o aparato para lle dar a réplica adecuada. De súpeto, sen contar para nada con tal posibilidade, cansa de estar dereita, viu que había sitio no meu banco e veuse sentar onda min para continuar máis cómoda coa súa conversación electrónica. Non, non fun tan indiscreto como para intentar ler algo na pantalla. A curiosidade non chega a desculpar tanto. Pero si podía ver aínda máis de cerca o seu sorriso, as dúbidas que a asaltaban, como se estremecía o seu corpo ao ler algunha das mensaxes. Estaba claro: sería o seu mozo, tanta ledicia e sorriso non se pode deber a outra razón. E nisto, en plena subida de orgullo pola miña capacidade de observación, dedución e perspicacia, ela pecha o móbil nun xesto automático tan rápido como repetido, érguese e bota a correr. Nun instante véxoa abrazada a unha monxa velliña, pequena, cun sorriso enorme e un hábito azul nada adecuado para tanto sol. E oio perfectamente como a moza lle di despois de bicala con adoración: Non pensaba que estabas tan cerca, como me escribías que non sabías ben onde era o parque no que te agardaba...

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.