martes, 9 de julio de 2013

REZOS POLAS FINANZAS DO VATICANO

Coincidindo coa elección do Papa Francisco, tivera a nada ortodoxa idea de escribir un artigo defendendo que Bárcenas sería un simple acólito, un recadeiro menor dentro do tenebroso e cheirento sistema do funcionamento económico do Vaticano. Os expertos cos cartos sagrados saben máis de xofre e ulido a pecado do que o cara lavada de Bárcenas, con non ser manco, puido aprender durante os anos nos que muxiu para o PP e para si mesmo feixes de billetes de cincocentos. Realizar tal comparación naquel momento no que Francisco acaparaba tódalas portadas pola súa humildade, defensa dos pobres e case santidade súbita, causou gran tristeza a un amigo párroco que me le con fidelidade. Agora, díxome, precisamente agora que vemos unha miga de luz e esperanza, tes que meter o dedo na chaga... Non quería naquel momento nin agora tampouco arrefriar a esperanza de ninguén, pero parece innegable que nas finanzas do Vaticano cheira a podre. Os últimos datos coñecidos insisten en facernos pensar que arredor dos cartos benditos anda máis a mafia que unha contabilidade clara, honesta e ben dirixida. Con ser moitos os pecados da institución, o que non debe asustar, é propio dos humanos e das súas institucións caer no pecado, o do do goberno dos seus bens e finanzas paréceme o maior. Non coñecemos institución perfecta nin santa. Caer na inxenuidade de esixirlle á Igrexa unha conduta sen tacha nin miga de mancha escaparía do realista. Pero aceptar que as finanzas do Vaticano despidan o cheiro dunha cova de mafiosos paréceme dunha laxitude impropia da relixión que ten por motivo central da súa mensaxe a defensa do amor, sobre todo aos pobres. Coa elección do novo Papa, os medios entregáronse por completo durante as primeiras semanas á propagación de cada un dos seus xestos, aínda que moitos non deixasen de ser mero populismo, e a unha beatificación temperá que me pareceu desproporcionada e sen sentido. Como soe ocorrer con estes picos de euforia, de contado o Papa pasou a segundo plano e deixou de aparecer cada día nas primeiras de xornais e telexornais – e menos mal, de seguir con aquela popularidade inicial podería ser un auténtico calvario mesmo para o representante de Deus na terra-, sendo a cada paso menos analizadas as súas palabras e cada un dos seus xestos por mínimo e insignificante que fose. Mais é agora, paréceme, cando de verdade merecería a pena analizar a transcendencia das medidas que o Bispo de Roma poida estar tomando. Algo se move no Vaticano. Estouran fechaduras de lacenas para as que nin o mesmo Papa parecía ter chave. Será doloroso. Federá. Escandalizarémonos. Seguro. É inevitable. Por pouco que se saiba, se realmente se limpa unha miga esa cova cuberta de balor, o que de aí saia cheirará, ofenderá aos ollos, clamará xustiza e obrigará a moita penitencia para alcanzar o perdón. Pero dalgunha maneira había que comezar. Se realmente é Francisco quen está detrás desta purificación dolorosa e escandalosa que asoma polas ventás do Vaticano, benvido sexa o novo Pontífice. Rouco Varela é amigo de invitarnos á oración cando se presentan problemas serios de veras. Se o paro non ten traza de mellora, recoméndanos rezar; para que os desafiuzamentos non causen tantos estragos e dolor, que recemos dinos monseñor; se a Casa Real pasa por momentos delicados, el reza e pídenos que recemos con el polos monarcas e achegados; cando é a unidade de España a que corre perigo, tamén nos recomenda idéntico remedio: rezo, rezo con paciencia para conseguir obxectivos difíciles e complexos. Pois permitirame neste momento o Presidente da Conferencia Episcopal que lle dea unha inofensiva recomendación: rece moito para que se aclaren as finanzas do Vaticano. Rece con fe e sen desmaio. Faralles moita falta a oración constante, activa e confiada. E aínda así, por se non chegase cos rezos, apoien aos que pretenden limpar e democratizar e racionalizar e cadrar como Deus manda as contas da Igrexa. Non hai escándalo maior. Nada torce nin vela máis a ledicia da fe que ver as prácticas e métodos financeiros da Igrexa. Que non resistan a transparencia e controis de calquera corrupto partido dun país corrupto, que non soporten a inspección da máis débil auditoría que resistiría unha caixa de aforros, que trafiquen e voen os billetes da Igrexa en avións privados coma os de calquera cartel da droga ou que os administradores dos cartos de Deus gasten maneiras e gustos ao estilo dos xefes do crime organizado, non son condutas doadas de aguantar nin para os que presumen de fe de carboeiro. Se o Papa Francisco vai polo camiño de sanear as finanzas do Vaticano, escolle o camiño do Evanxeo moito máis que con actos populistas que só son primeira páxina dun día e fame para o resto do ano. Pero para isto necesitará, ademais da oración de Rouco e cantos a el se unan, da valentía e sabedoría para continuar e non ceder ás tentacións do demo, que serán moitas e moi arteiras.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.