martes, 9 de julio de 2013

ESTUPIDEZ INHUMANA


DÍXOO Soraya: chegou a hora do sacrifico dos políticos. E probablemente nos soou ben, gustounos, porque vai sendo hora, pensamos, que o sacrificio toque a esa caste que non demostra con frecuencia especial capacidade para atallar os problemas. Pero de frase tan ben calculada para untarnos cun pouco de mel os labios, nada se deduce sobre os sacrificios que se derivarán desa reforma da administración que promete aforrar 37.700 millóns de euros e para o seu adelgace e racionalización non se ve necesidade de suprimir Senado nin deputacións. Deixemos as últimas, coñezo a teoría do presidente Louzán segundo a cal, de desaparecer estas, os concellos pequenos quedarían na máis absoluta miseria, de aí a súa indispensable función... Coma se non deberan desaparecer tamén os concellos pequenos. Pero aparquemos agora isto, o que realmente me intranquiliza é o temor a tocarlle ao Senado, porque se en algo existe acordo social indiscutible é na inutilidade desta cámara.
Como o problema territorial é unha das materias pendentes que queima aos políticos e á que todos temen, non parece previsible que se atrevan a presentar unha reforma seria da Constitución para articular un Estado Federal ben definido en competencias, financiamento e lealdade. De facerse poida que aparecese unha función clara para os senadores, pero como disto non existe nin traza, non deixo de preguntarme como é posible que este país se permita unha residencia da terceira idade de luxo asiático para políticos acabados e aos que convén manter en nómina e boa calidade de vida antes da xubilación real. Coñezo as escusas de quen rodeado de corrupción cala o pico: que a supresión sería o chocolate do loro, que non é realista anular unha institución do Estado con tanta alegría, que se xeraría un problema de repercusións incalculables...
O peor é que moitas das razóns que manifestan en público tamén as cren en privado, tal vez por iso ningún toma medidas. Observando tanta reticencia e indecisión un chega a pensar que non esaxeraba tanto Keynes cando, despois dunha viaxe por Escocia acompañando a 50 políticos da época, lle escribiu ao seu amigo Duncan: "Son horribles. Creo que algúns son de algunha forma o lixo da sociedade, pero descubrín algo que antes non cría posible: os políticos compórtanse na vida privada e din exactamente as mesmas cousas que en público. A súa estupidez é inhumana".

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.