domingo, 28 de julio de 2013

MUECÍN NA PARROQUIA


ONDE van aqueles tempos nos que a parroquia, segundo estudara Lisón Tolosala na súa Antropoloxía Social de Galicia, era o centro neurálxico dun xeito de entender e gobernar a vida. Daquela a igrexa, tanto como lugar de reunión con institución de severo peso, non precisaba de ningún altofalante para atraer aos fregueses, estes acudían por medo, acto social, fe, necesidade de comunicación ou interese por unha poxa. Na última metade do século pasado os cambios sociais foron tan rápidos e transcendentes que todo mudou. Nas parroquias non queda apenas xente, só uns cantos vellos e algún visitante durante o verán, non hai nenos nin doutrina, perdeuse o medo, o crego non é autoridade, só pasea de acto en acto de parroquia en parroquia, a fe resiste con dificultade e os costumes variaron tanto que pouco ou nada queda daquel mundo.
Talvez por tanto cambio é polo que se produciron innovacións relixiosas que nos achegan a outras culturas. Nos últimos domingos, mentres realizaba liviáns exercicios de xardinaría matutinos, sorprendeume a moda que se instaurou na miña aldea. Primeiro xa me decatara de que as campás da igrexa dan as horas durante o día coma un reloxo comunitario. Avances dos tempos, pensei. Pero logo observei que a música dominical que arredor das once invade os vales e lugares invitando á oración era un hábito asentado. Unha música non precisamente gregoriano nin das mellores que o cristianismo creou para gozo da humanidade, pero nada estridente e unha miga elaborada, non coma a maioría das charangas que dun tempo a esta parte se escoita en case tódalas igrexas católicas do mundo. E así continúa durante a mañá a preparación do acto central, a Eucaristía, acto retransmitido igualmente polo altofalante queiras ou non oílo. Por iso non hai cristián ou ateo que se libre de seguir as lecturas, prédica, oración e cánticos que esfarelan o silencio da mañá dominical. Mentres rapaba unhas tullas da entrada á finca e escoitaba a lectura do Evanxeo a distancia, sen dúbida moi condicionado pola situación que están a vivir os dous países, moito me acordei dos días pasados en Istanbul e no Cairo, a sensación que cinco veces ao día experimentaba ao escoitar a voz do muecín invadindo o gurgullar laico das cidades. Aquí, no rural, no silencio, cando todo parece esmorecer, un remedo de muecín católico parece querer imitar aqueles modos.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.