lunes, 15 de julio de 2013

ALERXIA AO COMPROMISO

Morremos coa calor. De súpeto, como a traizón, un aire africano queima a nosa alma igual que as primicias de PJ Rodríguez nos obrigan a suar tinta china cos trasacordos, mentiras e contabilidades B do extesoureito do PP. Rajoy, inmutable, persiste na súa táctica de silencio agardando que o tempo, remedio para todo mal, poña as cousas no seu lugar: os que non o puideron tombar nun primeiro intento, tampouco o lograrán no segundo. E así segue España, derretida, agarrándose a esperanzas mínimas só polo desexo de esquecer o pesadelo. Pero mentres se derrete o país no inferno do paro, da corrupción e da deslealdade, a min, frívolo de verán, o que me leva o sentido é a decisión de Stacy Keibler. Se cadra o nome non lles di nada de primeiras, pero se lles axudo dicíndolles que era ata hai nada a última moza de George Cloony entenderanme. Stacy Keibler tivo a valentía de deixar guindado ao solteiro máis cotizado do planeta sen que se lle movese un cabelo. Colleu o teléfono e chimpoullo sen preámbulos: George, isto non marcha; ti en Europa, eu en América, sen nos ver, cada un ao seu, non é vida; amor que non se ve, non é amor; ademais, querido, eu quero formalizar esta relación, así non me interesa, gustaríame ter fillos, e ti non queres; non debemos perder máis tempo: aí te quedas en Berlin rodando a túa próxima película, eu continúo cos meus plans a este lado. Así, sen sentimentalismos nin ambigüidades: non me interesas e aí te quedas. Se non teñen a imaxe da señorita na cabeza poden recorrer a internet, nun instante se farán idea do porte, talla, peso e constitución ósea da exloitadora profesional. Porque se tamén é modelo, o condicionante esencial desta decisión parece máis ben deberse á súa condición de loitadora. Como seguro se imaxinan, Clooney levouno con moita elegancia, continúa sendo amigo dela e aquí exista paz e gloria, que dous anos son suficientes para unha relación dun actor tan intelixente como atractivo de quen se di que é alérxico ao compromiso. O que non fuxiu de afrontar o amor como algo máis que dous anos de efervescencia foi o director de cine Linklater. Na súa última película, “Antes do anoitecer”, completa a triloxía (“Antes do amencer” e “Antes do atardecer”) redondeando un filme magnífico. Perfectamente defendido pola sincronía entre Ethan Hawke e Julie Delpy, “Antes do anoitecer”, ambientada en Grecia, é unha película que merece que a vexamos dúas ou máis veces. Deixando de lado a mestría que conseguen director e actores na naturalidade dos diálogos grazas aos plano secuencia, o traballo de guión que se agocha debaixo de cada discusión, sedución, petición de contas, agravio, agresión e confesión é único. Sen desprezar a ambientación e belos planos que Kinklater aproveita de Grecia, a preza podería dar nunha grandiosa obra de teatro onde dous personaxes, nalgún caso seis máis para complementar, indagan na dureza do compromiso amoroso. O encontro de muxicas é ben coñecido polos seus efectos embriagadores; o atardecer antes de se decidir por comprometerse e aproveitar as vantaxes de tanta atracción e namoramento tiran e apuxan para que a maioría acepte o reto (isto atacouno o actor nas dúas primeiras propostas); o anoitecer, proposta última, abraza sen medo as consecuencias do compromiso: un fillo medio abandonado pola decisión, a loita diaria para criar dúas fillas froito do novo amor, a culpa polas consecuencias do divorcio, as ataduras culturais do home por selo, as cadeas da muller por ser muller, a frustración do diario, o óxido que vai corroendo o sexo coñecido, os celos, a desconfianza, todo un magma de sentimentos e dúbidas, temores e frustracións que se enredan nun diálogo fluído, auténtico, crible, continuo, coma se non contase coa máis mínima interrupción. Un diálogo fondo e realista, sen sentimentalismos baratos, directo e intelixente, defendido á perfección polos protagonistas. Unha película, repito, para ver varias veces porque cunha visión única foxen moitas das propostas e réplicas que merecen ser pensadas con calma. Os protagonistas de “Antes de anoitecer” non temen ao compromiso. Pero sofren as súas consecuencias. Sen embargo, o final do filme mantén idéntica calidade e intelixencia: nunha mestura de rabia e sedución, de perdón e fartura, os protagonistas deixan aberto todo un mundo por diante, porque iso é o que ten o compromiso: dá pé ao futuro. É moito supoñer, pero tal vez Stacy Keibler desexaba vivir coa intensidade que esixe o compromiso unha historia de amor na que o realismo dese pé ao futuro. Se cadra Cloony é dos que corta antes de que calquera compromiso obrigue á responsabilidade, ao resentimento, ao fracaso e ao esforzo intenso que supón aceptar o ciclo completo do amor. De calquera maneira que sexa, polo lido, todo indica que estes dous belos e afamados modelos públicos, polo menos nesta ocasión, non coñecerán o mel nin o sangue de antes de anoitecer. Son as vantaxes e inconvenientes da alerxia ao compromiso.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.