MEU pai sempre foi de cans. Cans de caza e fóra da casa, un cristián é un cristián e un can é un can. Pero cans de caza, sobre todo para as perdices, tivo moitos e moi bos. Algunha cadela chegou a ter sona entre cazadores avezados pola súa excepcional facilidade para portar. Criado no campo e afeito á caza por necesidade, pois nos anos posteriores á guerra a caza para os labregos estaba moi relacionada coa comida, tivo sempre unha facilidade natural para coñecer o monte, seguir as pezas, disparar ao voo ás perdices con puntería e andar acompañado dun can aleuto, capaz de ventar con finura, guiado e lixeiro coma unha frecha. Moito lle quería cando conseguía un bo axudante para tronzar monte, e tamén moito presumía diante dos outros cazadores cando podía demostrar o fiel e intelixente que era o seu can.
Foi toda a vida así, pero agora de vello encariñouse con Lázaro e xa poden intentar facerlle a competencia os cans que queiran, que están perdidos. O rei da casa é Lázaro. O nome púxollo meu irmán, quen primeiro o acolleu, pois, ao igual que Manolito, o filósofo de Conde, apareceu pola casa ninguén sabe como. Inicialmente o cariño partiu do interese. Os ratos desapareceron coma por ensalmo e iso agradecémolo todos, tanto roedor xa estaba parecendo unha praga. Pero o que inicialmente semellaba pura comenencia, axiña se transformou nun cariño sincero e tenro que fai esquecer calquera amor ou fachenda anterior polos cans. Lázaro comparte ocio, charla, silencio, cansazo, ver televisión, o moneo de despois de xantar e por suposto os mellores anacos da comida do día con meu pai. Como o gato é listo e algo criqueiro achégase onda el no medio da comida, mírao coma solicitando permiso, e meu pai fálalle con idéntica paciencia e tenrura coa que me falaba a min cando de pequecho no probaba bocado: gustarache este anaquiño, xa verás, larpeiro, a ver, agarda que cho preparo. E córtalle unha tallada ben medida de bisté polo mellor lado, dállo da súa man, e acalenta nel coma se fose un meniño. O gato agradécelle coa mirada a deferencia. Cando meu pai esperta da sesta, ás veces o gato está estirado gozando aínda da súa; papá mira para el co seu rabo feito un perfecto círculo e sáelle da alma: bonito é canto quere. É moito Lázaro. Hei ter que llo presentar a Manolito, o filósofo de Conde. Había dar xenio velos aos dous xuntos.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.