lunes, 10 de diciembre de 2012

2014


COMO o tempo corre e non hai escusa que se poida perpetuar por ben urdida que estea, desde a fábrica de entretemento do goberno cambiouse a estratexia: agora non é tanto que sigamos mal pola herdanza recibida, que aínda dá bastante de si, senón que habemos de conformarnos con resistir porque para o 2014, por fin, comezaremos a medrar e crearase emprego. Por que no 2014 e non no 2016 supoño que obedecerá a cálculos sobre o límite de crenza, ata o 16 faríase moi longa a espera, menos crible. 
Dous anos escasos parecen un período de tempo soportable, tanto coma para continuar solicitando sacrificios e privacións porque non queda outro remedio. E mentres, ganando tempo a ver se algún milagre internacional vira o vento da economía, nese caso levaríase a rego a bonanza recordando que todo se debe aos sacrificios pasados. 
O discurso monótono e baleiro de Rajoy (non nos gusta facer o que estamos facendo pero non queda máis remedio) só se pode manter se colocamos en perspectiva unha recompensa. Claro que os seus antecesores, por suposto tan ineficaces coma el, caeron en idéntica trampa en repetidas ocasións. Fartáronse de ver indicios de saída do túnel e aquí seguimos. Desexo polo ben de todos que a data dese goberno sexa máis atinada. O que resulta curioso, sen embargo, é como, á espera desa data máxica, determinadas leis e reformas decrétanse sen perda algunha de tempo e sen lle tremer o pulso. Resignación e paciencia parecen as receitas de moda para explicar o fracaso sen paliativos das promesas electorais. Precipitación, arroutadas, decisións de alta carga ideolóxica e pago sen vergonza a vellos poderes que, coma os roqueiros, nunca morren, son o pan de cada día nas decisións dos ministros máis cantantes deste goberno: Wert e Gallardón. Ao de Educación tócalle o que a todos: realizar a contrarreforma consabida con cada cambio de goberno. Sen novidade. O de Xustiza emprégase a fondo e sen miramentos. Ata se atreve a buscarlle carga de traballo ao privilexiado gremio dos rexistradores do que forma parte o actual presidente. Que falta de vergonza! Esas leis non poden agardar para o 2014, e non? O ben feito, feito queda. E para o 2014, Deus dirá, pois se o prometido non se cumprise, a escusa está aprendida: non nos gusta pero debemos prolongar dous anos máis a espera, para o 2016 seguro que crearemos emprego. E nós crémolo. 


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.