Sorpréndese o economista Richard Blundell ao non ver indicios de novas industrias creativas, algo que parece normal que suceda en períodos de recesión coma o que vivimos. Igual que case todos os expertos, deposita a súa esperanza en que os mozos ben formados sexan os impulsores desta economía creativa. Non digo que non existan mozos instruídos e cun ruxido na cabeza detrás de ideas innovadoras e produtivas, pero o exemplo que recibiron non creo que anime demasiado ao crecemento deste colectivo tan necesario.
Se miramos cunha miga de calma aos triunfadores de onte e hoxe, unha gran parte non escapa ao estereotipo de "emprendedor" pícaro que dedica a súa sabedoría a ¨forrarse" axiña, por nada e para nada. É dicir: empresarios expertos en contactos con políticos corruptos, hábiles entregando sobres e regalos custosos no momento adecuado, vivos para aproveitarse de necesidades e carencias de grupos sociais, intelixentes para o engano e a trapallada máis badoca. Elementos que entenden que crear riqueza e progreso consiste en enganar ao fisco, buscar as mellores gangas para abusar do cliente, rodearse de profesionais ao seu servizo dedicados a atopar as máis finas regañas polas que saltar a lei e gabarse insolentes da súa sorte convencidos de que é debida á intelixencia e habilidades especiais que posúen. Como por desgraza, moito do negocio último xirou arredor destes creadores de riqueza e postos de traballo, se é que así se lle pode chamar ao que iso produce, non é de estrañar que agora custe atopar mocidade motivada e capaz de xerar industria creativa. Os modelos que a sociedade lles presentou sen reparo son tan efémeros e caducos que arrastran con idéntica debilidade. Medran e caen en tempo de nada. Moitos duran o que tardan en organizar cinco festas xigantescas nas que amorean a dezaseis mil xoves en espazos e condicións que acaban en desgrazas coñecidas. Pero axiña se refán, organízanse e reconverten a vella sociedade quebrada nunha de finalidade e métodos iguais con envoltorio que a enmascara. O triste é que moitos políticos aos que votamos para que promovesen e organizasen o ocio da nosa mocidade, vendidos á cobiza inmediata e á estupidez, dedicáronse a alimentar a estes negociantes do barato. Contratáronos, subvencionáronos, fixéronlles publicidade, dándonos a entender que a liberdade e a modernidade ían por aí. Mágoa. Todo fume.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.