Nos duros anos da miña educación – tamén sentimental- , a máis frecuente das ansias entre a mocidade era escapar da represión. Saltala, bordeala, enganala, aniquilala. Dábannos tanto a beber dese veleno que todos ansiabamos desengancharnos desa chaqueta metálica moral que nos inhibía, prohibía e coaccionaba internamente. Todos loitabamos por deixar de estar reprimidos. As lecturas, as amizades e as condutas debían todas dirixirse cara a liberación da pesada carga represiva. A máis ampla e potente carga que nos oprimía iniciaba a premer en nós no ámbito político. Un medo indefinido vixiaba cada acción por inocente que se presentase. Acórdame da primeira vez que xogara a xornalista facéndolle unha entrevista a Benedicto, o cantante de Voces Ceibes. O acompañante e máis eu – el era o que tiña a vocación máis madura e o promotor da idea- acordamos ver ao entrevistado no bar Rois, famoso entre os estudantes polos seus bocadillos de luras. Os cambios de bar, as esperas, a inseguridade e sensación de estar realizando un acto terrorista de transcendencia histórica viñeron a canda min o resto do día. Total para dúas ou tres preguntas que lle puidemos facer ao final no Tixola, coa mirada permanentemente cravada na entrada por se aparecía algún social, fiándonos da memoria para logo reproducir tres ideas limpas coma auga de fonte clara. Vivir nun estado policial é das situacións máis esmagadoras para a persoa. Temer polo que les, dis, con quen te ves ou a onde vas, conduce á paranoia. Que os parlamentarios actuais acudan con tanta lixeireza a palabras como fascismo, nazismo e franquismo, antóllaseme dunha falta de realismo perigosa. Este afán pola esaxeración e os modais de guerra civil non sei se non estarán relacionados co esquecemento do que realmente era e é a represión. Non enredemos e teñamos que experimentar de novo en propia carne o que realmente é o franquismo. Algunha señoría non sei se non lle viría vén reprimirse unha miga. Á beira desta opresión política e moi ben engastallada nela – necesitábanse mutuamente de maneira enfermiza- situábase o control implacable das conciencias por parte da igrexa católica. O nacional catolicismo exercía case con groseira firmeza un control absoluto sobre o pensamento. Os mecanismos de entendemento da realidade espallados polo ben aceitado exército eclesiástico penetraban desde a nenez á mocidade cunha violencia exquisita. Impregnaban tanto os circuítos de decisión, que raro era o mozo que non precisaba de sesións intentas para esnaquizar esas redes de culpa, castigo e remordemento. Unha repercusión evidente desta inxección de control era a maneira de se divertir dos mozos. Había, claro, que saltar e romper con esas corres que encadeaban. Saltábanse os controis e filtros máis sutís para adquirir identidade e probar do goce que toda xuventude non pode desperdiciar. Rompíase e quebrábanse as leis da represión coma un exercicio de saudable aprendizaxe da liberdade. Tiñamos contra que e quen rebelarnos. Hoxe non é que non existan motivos para a rebelión, pero talvez as novas xeracións non experimentaron a carencia de liberdade que impele a buscala coa sede dos desesperados. Un factor que contribuíu a esta anestesia foi a corrente de “emprendedores” encargados de lles ofrecer diversión a esgalla aos adolescentes. Esas máquinas de crear riqueza e postos de traballo, de que mellore un país, funcionando a base de dirixir e manexar grandes festas nas que milleiros de adolescentes poden en comunidade dar renda solta á liberación que non precisan, gardan relación coa inhibición e apatía colectiva á que moitos se entregan. Os adultos, quizais con complexo polo duro que resultou liberarnos da nosa carga de represión, quixemos darlles feito o traballo. Invitámolos a botellón gratis, a macro festas guais nas que catro pícaros incrementaron o seu patrimonio á conta de miles de adolescentes amoreados en espazos destinados á anestesia xeral. Cando morren mozos nesas condicións acordámonos de buscar culpables. E se cadra a culpa vén de non querer admitir que para educar é imprescindible unha miga de represión.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.