lunes, 10 de diciembre de 2012

O COADXUTOR DE ROUCO

Miguel Ángel Aguilar estivo fino ao cualificar ao Sr. Wert, de momento ministro de Eduación, como o coadxutor de monseñor Rouco. Como non deixa de acontecer cada vez que hai cambio no goberno, as forzas apostólicas e romanas, ben no poder ou na oposición, dedícanse con entusiasmo e fe a defender dúas bandeiras ás que se abrazan con máis fanatismo que Mas á catalá: o aborto e a educación. Cando toca oposición, congregan grazas ao púlpito a milleiros de persoas en prazas públicas, arroladas por cánticos e louvanzas, para que se prohiba dunha vez por todas o asasinato de fetos; tamén, en convocatoria distinta, para que os pais poidan elixir libremente a educación nos valores cristiás como materia curricular, non vaia ser que o ateísmo, o materialismo e a visión parcial da realidade nos prive das verdades incuestionables da moral católica. Cando toca poder, axiña e coma quen non quere a cousa, o PP sempre saca da súa revolucionaria contrarreforma educativa unha lei que obriga a elixir entre relixión católica en condicións moi favorables e desexadas pola Conferencia Episcopal, aproveitando nesta ocasión, despois da perfecta campaña anterior de derribo, para liquidar a nova materia de Educación para a Cidadanía, que disque podía ser tendenciosa e manipuladora. En canto ao aborto, retoca e modula con algo máis de tino, pero seguindo de lonxe as posicións ideolóxicas que tan ben expón monseñor Martínez Camino. Por iso, supoño, o físico xornalista Aguilar outorga a función de coadxutor ao Sr. Wert, máis non creo que o seu papel se reduza só a iso. O actual ministro, curtido nas mañás da Ser en diálogos por Gabilondo moderados, sabe de comunicación e socioloxía o suficiente como para non causar tanto balbordo cada vez que abre a boca. Aínda que os favores hai que pagalos e os sancristáns deben tocar as campaíñas cando o oficiante ordena, a restra de perlas que o ministro deixa semana si e semana tamén na porta dos electores de titulares, estou por pensar que non se deben só a torpezas, ignorancias ou despistes de novato. Ademais de seguir unha liña ideolóxica que engarza moi ben coa tradición conservadora e retrógrada máis rancia da dereita de sempre (mira que despois de tanto tempo seguir aínda con relixión católica con nota ou sen nota, fronte a ética ou outra materia de categoría) , Wert cumpre un rol que a todo goberno lle resulta imprescindible: encirrar aos cans para que ladren mentres pola porta traseira se rouban as verdadeiras xoias. Así, mentres se lle pega un golpe seco e certeiro á educación pública para que non levante cabeza por décadas, distráesenos coa guerra das linguas para que os cataláns se unan máis no seu calculado e premeditado desapego á colaboración solidaria. E así, enredados nas bandeiras, Wert vai cumprindo a misión de nos distraer para a ver se non nos decatamos de que nin a educación, nin a sanidade, nin a xustiza, nin a atención social volverán a ser iguais. Serve para ganar tempo ata que no 2014 ou no 2015, se por algún misterio de transformación mundial se dese un pequeno renacer na economía, o goberno se puidese apuntar a vitoria que tanto nos custou. Porque se ata non hai moito a leria da desculpa se centraba na herdanza recibida, a nova receita para resistir van na liña de nos adiantar que todos estes sacrificios comezarán a dar froito e merecerán a pena para os próximos anos. Mentres, como todo indica derrube e desastre sen paliativos, o goberno necesita entreternos con batallas que emocionan e invitan á opción de seareiro do fútbol: todo aos meus, nada ao contrario. Así, entre linguas en guerra e regresos ao pasado coa relixión si relixión non, as novas leis e decretos van segando na herba da educación e da sanidade a cambio de que para dentro de dous anos comezaremos a crear algún emprego. Resistan, di a mensaxe de Wert, déixennos continuar co derrubo controlado e medido de toda atención pública universal, que para datas próximas verán o resultado de tanto sufrimento. E por se fose pouco, no medio de tanta borralla á que sopra o ministro para que se nos meta nos ollos, non nos damos fixado na silandeira e eficaz lei que deixará aos rexistradores da propiedade instalados para lustros. Miren para o pillabán do Sr. Rajoy: coma se non fose con el, aproveitando que pasa pola presidencia, ata ben atada unha lei que favorece en forma, como se debe lexislar cando se lexisla en serio, ao seu gremio de privilexiados funcionarios. Como o corpo de Rexistradores da Propiedade son dos desfavorecidos sociais e pasan por tantas calamidades nesta crise... En fin, que o ministro Wert, con ser un aplicado coadxutor de Rouco, é un magnífico provocador para que nos entreteñamos mentres este país continúa decidido pola senda do esperpento.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.