domingo, 13 de noviembre de 2011

DECIDIR NA ENCRUCILLADA

COMO a misión principal do noso cerebro é adaptarse para a supervivencia, o condenado engánanos -é unha maneira de dicir- canto quere. Dende a selección ata a interpretación emocional de estímulos, pasando por completar información ou inventar coherencias, somos uns artistas para o engano ou para a supervivencia, depende de como queiramos velo. Porque artista somos, case magos, como vén estudando Susana Martínez-Conde, cando o noso cerebro suple, sobrepón, anula, focaliza a atención ou ignora aquilo que non lle encaixa, non procede ou non lle interesa.
Cando pasmos por situacións especialmente críticas, verdadeiras encrucilladas nas que cómpre unha decisión na que se xoga algo que nos afecta de maneira vital, as trampas ou trucos aos que nos vemos sometidos aumentan. Iso dependerá en gran medida de que cheguemos a un estado de ánimo ou vivamos unha emoción forte. Os estados de ánimo lévannos á reflexión, a cavilar, a darlle voltas incesantemente ao que nos pasa. Son máis ben pasivos e na maioría dos casos conducen á fuxida, sobre todo se non sabemos que sentimos. Se na análise do estado de ánimo imperan os "debo" ou "debera ter feito", o máis probable é que acabemos anticipando ou rumiando, calquera das dúas condutas auténticos motores da ansiedade, que non vén sendo outra cousa que non soportar a incerteza. Canto menos toleramos a incerteza, máis preocupados estamos, é dicir: enchemos a cabeza de problemas por adiantado. Por iso os estados de ánimo adoitan ser un humus propicio para a indecisión e a ansiedade. As emocións fortes, pola contra, empúrrannos cara á acción. Diante delas temos que decidir á forza, hai que saltar por necesidade.
O problema preséntase diante das opcións que as distintas fiestras che ofrecen para o salto. Os expertos recomendan que diante de verdadeiras encrucilladas o máis recomendable é sempre o salto pola ventá que ofrece máis dificultade. Diante dunha decisión complexa, elixe a que che pareza máis dolorosa. Pero aquí volvemos ao comezo: o noso cerebro é un artista do engano. Antes ca todas as novas teorías cognitivas xa o dixera Wittgenstein: nada é tan difícil como non enganarse. En máis ocasións das que pensamos, deixando de lado as cavilacións e preocupacións de estado de ánimo inoperantes, cando realmente nos atopamos nunha encrucillada de emoción forte que nos impele necesariamente á acción, parécenos que estamos elixindo a opción máis difícil, a máis comprometida, a verdadeiramente responsable, cando, pola contra, o único que eliximos é a ventá máis baixiña, a que esixe o menor esforzo, por máis que nos convenzamos de que damos un salto mortal ao cavorco máis escuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.