NINGUÉN daba un céntimo pola súa vida académica. Lacazán, hostil, groseiro, malencarado, pelexador, cada día recibía varias amoestacións, castigos severos, ameazas e sermóns. As horas a el dedicadas, as reunión de profesionais múltiples intentando facer bo del, darían para un breve tratado sobre o fracaso de profesores, psicólogos e pedagogos na arte de cambiar a un rapaz que non quere estudar nin adaptarse ao medio escolar. Os prognósticos máis benévolos concordaban en darnos cun canto nos dentes se aguantabamos del sen conflitos extremos ata cumprir os quince anos, idade na que agora se poden derivar estes casos cara un Programa de Cualificación Profesional Inicial (o nome xa ven que non busca complicacións). Sen embargo, coma por maxia, neste curso deu un cambio radical, inexplicable, que nos ten a todos coa boca aberta.
A súas notas pasaron de 1 a 6 e incluso algún 8, sabe mirar cando fala, dá as grazas , ten as mans limpas (antes sempre cheas de tinta, graxa e lixo de semanas) e ata sabe rir. Non pelexa cos compañeiros, non coñece as faltas de orde nin as expulsións da aula, ten ganas de contestar e intervir nos debates de titoría e aproveita a menor ocasión para comunicar que recibiu unha nova nota: outro aprobado. Nos dous meses que levamos de curso, a súa transformación é tan clara como sorprendente, e moitos preguntámonos onde radica a causa do milagre. En ningunha técnica rara nin complexa, en ningún método calculado, programado e trazado con regra e cartabón: simplemente pola atención continuada, firme, segura, serena e constante dun titor que o segue día a día. Máis nada. Atención, conversación, normas claras, concisas, xustas, firmes. Mirada atenta ás súas capacidades e éxitos. Non pasar un día sen preocuparse por el, non deixar unha falta sen aclaración para saber como se resolve; non esquecer nin un momento que está agardando a palabra a el dedicada, o afecto maduro e distante, a firmeza clara que nunca coñecera. Polo visto, Christian non necesitaba longas xuntanzas nas que psicólogos e asistentes sociais nos queimabamos as pestanas buscando un remedio eficaz. O único que lle facía falta era o seguimento atento, constante, incansable, confiado dun adulto experto en tratar a un adolescente rebelde, listo, insatisfeito, sen normas nin hábitos. Observado pola mirada segura, nada paternalista, afectuosa pero determinada dun profesor que lle fala con claridade e confía nel sen simulación, o mociño agarrouse á posibilidade do éxito, á seguranza da recompensa e á confianza de que non é alegría dun día. Porque sabe que non hai recompensas gratuítas nin reprensión caprichosa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.