domingo, 13 de noviembre de 2011

OS XARDÍNS NOS QUE SE METE VARGAS LLOSA

Poderase estar ou non de acordo coas opinións políticas de Vargas LLosa, pero non é doado atoparlle –eu polo menos non llas atopo, e conste que o sigo dende que era un adolescente- incoherencias ou covardías. Disinto, polo tanto, con gran cantidade de articulistas e pensadores que o tachan de fanático liberal, parcial nas súas acusacións e nunca atento á complexidade social. Non tal. Equivocarase, pero recoñece erros, manifesta abertamente o que pensa, pese a quen pese, e non examina a realidade con anteollos. Si, rectifico, cos anteollos da súa ideoloxía, pero sempre aberta á critica, á argumentación e á dialéctica. Lamento neste caso non coincidir en absoluto co profesor Vicensç Navarro, a quen leo atentamente as súas propostas económicas, moitas delas, por desgraza, confirmadas a diario pola realidade, cando sitúa ao autor de La fiesta del chivo como un pechado e cego pensador ao servizo da ideoloxía máis reaccionaria e neoliberal. Quen me dera que tódolos neoliberais fosen coma don Mario. Poida que na visión económica coincida cos que exaltan a liberdade de mercado, sen control, case coa reverencia propia do fervor relixioso, pero en canto á posición sobre as liberdades individuais, poucos lle adiantan pola esquerda ou pola dereita nas súa defensa. Sen necesidade de rastrear no pasado (dos primeiros en se descolgar das loas á ex Unión Soviética e ao réxime de Fidel Castro) , agora mesmo temos dous exemplos ben á vista. Os dous dunha valentía que para si quixeran outros intelectuais. O primeiro referido ao caso xa silenciado (nin os escándalos duran neste mundo tan efémero) do ex director do FMI Dominique Satrauss –Kahn. A súa postura apareceu no diario no que colabora atacando sen piedade ao poderoso político francés. Conste que non me pareceu excesivamente atinada a liña argumental pola que optou: que a miseria moral de DSK bebía na conduta vergonzosa do señorito que se inicia coa criada, tal vez condicionado o último Nobel pola súa educación peruana, nun ambiente aínda máis clasista e atrasado có dos potentados europeos. Mais, bebese dos argumentos dos que bebese, a súa valentía, estando o caso aínda sen resolución xudicial, manifestando abertamente o seu desprezo por tal tipo de conduta, merece recoñecemento. Con independencia dos pasos polos que se conducise a xustiza, el adiantouse rexeitando a actitude ética do brillante e case intocable ata ese momento DSK. Aducirán algúns que no é tanta valentía, cantada estaba a defunción do político francés, rebaixa que non acepto: poucos flamantes Nobel se meterían en tal xardín con tanta contundencia e claridade. Como moi poucos intelectuais da súa sona serían quen de manifestar en plena campaña electoral do seu segundo pais a súa intención de voto, tal e como el o fixo o pasado domingo no artigo en páxina central, como lle corresponde, do diario de máis repercusión nacional. En Una rosa para Rosa non lle tremeu o teclado para declarar abertamente que votará ao partido minoritario de UPyD que lidera Rosa Díez. E, coma sempre, razoando a súa decisión: porque será un magnífico contrapeso liberal para defender as únicas medidas salvables da etapa Zapatero (as leis de corte liberal como o aborto ou o matrimonio homosexual); porque non comunga con maiorías absolutas, prefire que a necesidade de negociar impida abusos; porque servirá de dique, pensa, coma ningún outro partido contra o perigo certo de caer nas chantaxes nacionalistas; e porque, por último, considera, é un partido orixinal e decidido a prol da renovación democrática. Efectivamente coincide en gran parte o programa de Rosa Díez coas ideas tantas veces expostas polo escritor de Arequipa, pero que necesidade, salvo a súa honestidade e compromiso coas súas propias conviccións, tiña de se situar tan claramente de parte dun partido tan minúsculo, criticado a dereita e esquerda, perdido en terra de ninguén? Eu agradezo a valentía de personalidades como a súa. Cando corren tempos nos que parece que os únicos que ven con claridade por onde e como nos debemos conducir son os que controlan o mundo dende os seus postos de vixiantes das finanzas, ben me parece que Vargas Llosa se atreva a dicir o que pensa aínda que non concorde coa opinión maioritaria. Mágoa que algún día non se lle dera por descubrir e denunciar con idéntica lucidez o atraso e condena que supón para humanidade, polo menos tanto como o nacionalismo que el tanto despreza, a teima dos grandes economistas por manter que a redistribución non é tan esencial para a creación de riqueza e progreso como o é, pensan e pregoan, o mercado sen regulación. Claro que se chegase a meterse nese xardín, seguro que moitos xa o catalogarían de pensador decrépito, como o pensamento económico correcto tacha a Vicenç Navarro, por máis que eu seguise gabando a súa valentía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.