lunes, 21 de noviembre de 2011

ÚLTIMO DÍA DE MENTIRAS?

Como todo parece indicar, temos os días contados para seguir vivindo neste mar de mentiras. A partires do luns comezarán a dicirnos a verdade. Conste que levo meses dándolle voltas a como serán esas verdades do barqueiro que nos farán libres, non acabo de alcanzar as virtudes desas duras verdades que nos fortalecerán –supoño- na paciencia, na temperanza e na esperanza. Con isto non se me entenda mal: non me refiro a que rematará a campaña electoral e deixaremos de escoitar mentiras. Para nada. Refírome simplemente a que o presumible gañador ten ben estruturada a terapia coa que nos curaremos: dicirnos a verdade, aplicar sentido común e ocuparse do que realmente nos interesa. A últimas dúas receitas caen de caixón e sei que non ofrecen flanco polas que criticalas: todos somos amantes do sentido común e a todos nos importan as cousas que realmente nos importan, a primeira é a que máis me inquieta. Como puidemos vivir tanto tempo instalados na mentira? Como vivindo nunha sociedade de libre información, con tantos medios e canles libres, é posible permanecer enganados e confundidos? Un pensaba que gozaba dunha sociedade na que a liberdade de expresión era un dos seus piares, pero polo que algúns veñen dicindo, nada de nada. Estiveron enganándonos coma parviños durante anos e ninguén se decatou absolutamente de nada. Polo que veñen repetindo, a causa de tanto retroceso e paro ten unha causa ben diagnosticada e definida: non dicir a verdade, mentir. Polo que se ve, ata que todo isto cambie, o goberno e o partido que o sustentaba perderon a maior parte do tempo enganándonos a todos os españois – a todos- sen o máis mínimo pudor nin culpa. Uns auténticos desalmados. E os cidadáns, os medios de comunicación, os partidos representados no parlamento e mailos que non, todos caemos coma pampos nas súas mentiras ben urdidas sen capacidade de reacción nin de retruque algún. Foron tan mañosos e dedicáronse con tanta intención á arte do engano, que ninguén caemos na conta de que o que nos rodeaba era a mentira e a trampa, a falsidade e a incompetencia anegándonos nun mar de ignorancia e alienación. De nada serven medios dun signo ou doutro, televisións privadas, intelectuais dunha ideoloxía, profesores expoñendo as súas teorías, políticos atacando e descubrindo canto podían as contradicións dos gobernantes. A mentira feita poder e absoluta apoderouse da sociedade española sen que ninguén caese no evidente: hai que dicir a verdade para poder saír desta. Como o tempo que nos queda de mentira é mínimo, estou impaciente por comezar a escoitar esas verdades salvíficas ás que algúns parece que pechamos os sentidos. Ardo en desexos de escoitar dunha vez (ou aos chiscos, non sei se a terapia será implosiva ou de efecto lento e retardado) esas verdades inicio da nosa recuperación, que como non se cansaron de propagar é a esencia do plan: crear emprego. ( Xa saben o conto da leiteira: se creamos emprego, creamos riqueza e haberá moitos moitos contribuíntes que aportarán ás arcas do Estado moitos moitos cartos, podemos baixar os impostos, medra a seguridade social, estamos en condicións de atender aos enfermos rápido e con calidade, dar mellor educación sen recortar nin un triste profesor, cumprir coas leis de dependencia confortando ao vello da parroquia máis arredada e ser un Estado que iguala e reparte, convertendo a España no que é e sempre foi: unha grande nación. Amén. Eu tamén me apunto. O malo é se non creamos emprego e rompe o cántaro da leiteira) A ver... Eu o que desexo é que si, coma todos, que o emprego medre e se poida traballar en boas condicións, o que non acabo de ver ben clara é a relación causa efecto entre comezar a dicir a verdade (que verdade?) aquí en España e que a situación económica internacional dea un xiro inmediato coma para favorecer a creación de emprego. Pero iso non obedece case seguro a defecto ningún do plan nin das bondades da proclamación da verdade. A estas alturas, sabendo que vivimos na mentira, non estou eu en condicións de dubidar de quen promete a verdade salvadora. Menos, no estado de confusión no que me vou atrapallando. O que parece claro, agora que nos quedan dous días de mentiras, é que non todo xira arredor da economía, como aparentemente cremos, pois, de ser así, ninguén confiaría nin esperaría nada das mensaxes tan simples que nos contan e seguirán contando. Ao final, tanto peso como a dura realidade económica, adquíreno os relatos cos que nos damos confianza para continuar, aínda nas perores circunstancias. En definitiva, a historia non é máis ca que ir cabalgando sobre un cabalo de mentiras cara un horizonte onde nos parece albiscar a verdade. Canto máis cabalgamos, máis mentiras trituramos, pero máis verdades nos quedan por descubrir. O que talvez cómpre é un esforzo decidido por modificar o relato no que nos instalamos nas últimas décadas, non porque sexa este o último día das mentiras e comece o luns o das verdades, senón porque só descubrimos a verdade na medida en que entre todos esfarelamos as simplezas que a cada día nos confunden e atrapallan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.